Na procura do noso pasado romano

A pegada da civilización romana está moi presente Valdeorras, con restos ben conservados, outros en vías de recuperación e algunhas destacadas desaparicións, como o mosaico da Cigarrosa. Neste documental, realizado polas áreas de Latín dos institutos Lauro Olmo do Barco e Cosme López da Rúa, podemos acompañar ó alumnado na súa particular pesquisa, tratando de localizar as pegadas do Imperio na comarca.

Unha viaxe na que contan con compañeiros de luxo: os escarbadores, un grupo de arqueólogos afeccionados responsables de moitos dos achádegos. Uns e outros, cos seus testemuños e o arquivo aportado —moito del inédito ata a gravación desta película— constrúen un relato que contaxia a paixón pola investigación histórica.

TRÁILER

FICHA TÉCNICA

  • Título: Na procura do noso pasado romano
  • Ano: 2019
  • Duración: 47 minutos
  • Idioma: Galego, español
  • Dirección: Carmen Díaz, Julio Parada, José Ramón Crespo “Sechu”
  • Guión: Alumnado e profesorado do IES Lauro Olmo e IES Cosme López
  • Cámara: Silvia Álvarez
  • Edición: José Ramón Crespo “Sechu”
  • Productora: IES Lauro Olmo e IES Cosme López
  • Interveñen: Santiago ferrer, Aurelio Blanco, Luis Enrique Rodríguez, Ángel Fernández, José Luis González “Curís”, Ángel Rodríguez, Manuel Fernández, Ramón García “Ragar”, Antonio Quiroga, Miguel Ángel Estévez “Serodio”.

COMENTARIO DOS DIRECTORES

«Este traballo foi realizado de forma colaborativa por dous institutos da comarca de Valdeorras, o IES Cosme López da Rúa e o IES Lauro Olmo do Barco unimos os nosos esforzos durante o curso 2019-20 para facer unha viaxe no tempo e intentar averiguar como era Valdeorras no tempo dos romanos. Dende o primeiro momento, a intención foi a de facer un traballo de carácter audiovisual.

Nesa investigación descubrimos un grupo de homes que tiveran a mesma ilusión durante os anos 60 e 70, e por iso decidimos dividir o documental en dúas partes: na primeira facemos un pequeno repaso polos restos romanos que se poden visitar en distintos lugares da zona, desde Millarouso ata Petín. Na segunda fixémoslles unha pequena homenaxe a aquel grupo de arqueólogos afeccionados coñecidos como Os Escarbadores.»

COLOQUIO