Os veciños de Mones tomaron unha decisión: loitar contra ese inimigo asoballante que é o esquecemento. E para eso atravesarán Galicia berrando os catro ventos: “Viva Mones!”
Producido por Domingo Díaz este documental foi gravado e editado por Xose González, quen acompañou ós veciños de Mones nesta peculiar iniciativa que pretendía chamar a atención sobre o abandono do rural. Pasaron máis de dez anos, pero o espírito daquela reivindicación semella máis necesario que nunca.
FICHA TÉCNICA
- Título: VIVA MONES!
- Ano: 2009
- Duración: 50 min.
- Idioma: Galego, castelán
- Guión: Domingo Díaz e Xose González Varela
- Dirección, fotografía e montaxe: Xose González Varela
- Música: David Teijeiro
- Postprodución de son: Zenaudiopro
- Produción: Domingo Díaz PC
TRÁILER
NOTAS DO DIRECTOR
“Viva Mones!” foi o meu primeiro documental como realizador e nótase, po bon e po malo. Agradézolle a Domingo Díaz que confíase en min para facelo. Recordo con agrado a rodaxe e a estrea en Mones, nunha emotiva proxección ó aire libre aló polo 2008. Conta a historia dun grupo de persoas que fan unha viaxe física e mental cara un pasado que non vai volver. O dispositivo que creamos foi seguir ós protagonistas o máis pegados posible a eles, vivir o camiño dunha maneira física para transmitirllo ó espectador. Intentamos reflexar a paisaxe e os cambios que experimentaba no traxecto a pé que nos levou de A Coruña a Mones.
O plano máis importante pra min é o longo plano secuencia da chegada dos camiñantes a Mones, un novo intento de involucrar ó espectador no documental e no sentido do camiñar a través da duración da acción. E non quixera olvidar mencionar un aspecto que nos atopamos na rodaxe co que non contabamos e que me parece un valor singular e orixinal deste documental: a representación do poder, encarnado nos alcaldes e nas alcaldías, nos seus xestos e formas de falar, cando se vían asaltados pola chegada dos moneses tirando a porta abaixo coas súas reivindicacións, nunhas performances entrañables e vivificadoras. Rodouse no ano 2008, repito. Estaba todo a punto de estalar. O problema da despoboación rural segue. A memoria ten que resistir. Grazas pola iniciativa.