Regresando ás súas raíces, Ana Domínguez adéntrase nunha viaxe que vai do personal ó ancestral a traveso dos ciclos da vida e das estacións; os viñedos, a vendima e o viño. Os ritos, os ritmos da naturaleza e das tradicións en perigo de extinción, a traveso das paisaxes e de quen as habitan, debuxan esta mirada na que etnografía e emoción fúndense nunha revelación das correntes paganas e míticas das bacanais que son as festas populares, explosións de fertilidade e de vida.
FICHA TÉCNICA
- Título: Os fillos da vide
- Ano: 2017
- Duración: 69 minutos
- Idioma: Galego, castelán
- Dirección, guión e produción: Ana Domínguez
- Imaxe e son directo: Ángel Rueda
- Montaxe: Ana Domínguez e Ángel Rueda
- Música: Lucía Rolle
- Produtora: eSe8 cinema
TRÁILER
NOTAS DA DIRECTORA
«Esta película fala do noso vínculo ancestral coa terra e cos ciclos vitais de transformación. Da natureza como algo máxico e misterioso, do primixenio, do atávico, marxinado pola nosa civilización pragmática que o reduciu a supersticións esquencidas. Co uso de diferentes formatos e das súas texturas na filmación, puiden crear unha alegoría narrativa que recrea non so o paso do tempo, mais tamén os sentimentos e as emocións, coma un relato onírico fronte a realidade e o presente.
As antigas lendas tiñan a función de explicar o mundo servindo de ponte entre xeracións e amosando o lugar que ocupamos no mundo. Neste tempo de desmemoria, precisamos máis que nunca rastrexar as orixes, a natureza, a maxia, a casualidade e a metamorfose continua da vida. Por iso me propuxen filmar o meu lugar de orixe, Valdeorras, un val fronteirizo de tradición vitivinícola dende o tempo dos romanos. Rodeado de montañas, é como un inmenso mar onde o mito e o ancestral están sempres presentes, a montaña sagrada, a miña montaña.
Durante a vendima, existe no ambiente unha sensación de xúbilo xeral, de celebración da vida. Así que as vendimas da infancia convertéronse nalgo moi especial para mín. Un sentimento que me descubre o forte vínculo que teño co entorno natural que acolleu os meus primeiros pasos no mundo. A incursión no mundo adulto, nos breves espazos das tarefas comunais, a vendima como regalo, como ofrenda, o traballo comunitario que se transforma en festa, en xogo. Podía sentir que aquelo era especial, e que o vínculo coa natureza estaba máis presente que nunca, coa alegría do cambio, de transformación.
Estas ideas reafirmeinas cando, durante o proceso de documentación para a película, consultei as partidas de nacemento de séculos pasados na comarca. Durante os meses de xuño e xullo, precisamente nove meses despois da vendima, en Valdeorras os índices de natalidade disparábanse. Todos eses nenos somos Os Fillos da Vide»